Presentación dos paneis informativos do Sendeiro Periurbano de Ourense

Imprimir admin - 16-Marzo-2014 - 23:10:46 

16 de marzo de 2014

O venres 14 de marzo, entre as 11:00 h. e as 16:30 h., o alumnado de 2ºB e 2ºC de Bacharelato matriculado na disciplina de Ciencias da Terra e do Medio participou na actividade de presentación dos paneis informativos do Sendeiro Periurbano de Ourense. Esta actividade levouse a cabo fóra do centro, nos xardíns ubicados entre a Ponte Vella e o parque do pavillón de deportes de Os Remedios, no acceso ó Sendeiro Periurbano de Ourense, onde se instalou o primeiro dos tres paneis informativos elaborados coa colaboración do alumnado dos cursos 2012-2013 e 2013-2014.
Ver noticia en prensa y fotos

Ó acto de presentación asistiron a concelleira de medio ambiente, Susana Bayo Besteiro, o concelleiro de deportes, Alfonso Vilachá Rodríguez, o representante do comité científico do programa de educación ambiental VOZ NATURA, Alejandro Díaz, e o director do colexio, Lupicinio Peña Arenas.
 
Logo de atender ós medios de comunicación alí reunidos, o alumnado de 2º de Bacharelato acompañado de dous educadores percorreu unha parte do sendeiro, camiñando pola beira esquerda do río Miño, entre a Ponte Vella e a desembocadura do río Loña, seguindo polo parque que este río ten no seu treito final, desfrutando do Sendeiro Ambiental do Loña (recentemente rehabilitado polo concello de Ourense logo dos destrozos causados polas crecidas deste inverno e ata onde nos acompañou a concelleira de medio ambiente), ascendendo logo ó Castro de Santomé polo Camiño Real, cruzando o Loña polo paso de Castadón, seguindo ata a praza da vila de Ceboliño, onde está instalado un segundo panel informativo, e ascendendo ata a estrada que comunica Montealegre con Pereiro de Aguiar (á beira desta estrada está o terceiro panel informativo do sendeiro), pola que voltamos á cidade.
 
Entre os obxectivos desta actividade destacan a posibilidade de familiarizarse co trazado do mesmo,  de re-sinalizar con pintura as marcas de continuidade do sendeiro, as de camiño errado e as de cambio brusco de dirección, así como comproba-lo estado do trazado para futuras melloras no deseño dos carteis informativos. Esta actividade forma parte do programa VOZ NATURA, e foi organizada e deseñada polos integrantes do Seminario de Ciencias en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente.


   RSS
Política de Privacidad
CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Salesianos)
Plaza Don Bosco, 1 32003 Ourense
Tel. 988 370 537
salesianos@salesianos-ourense.com
Visualq